Este ano, no Concello de Rianxo, a través da Concellería de Cultura, Xuventude, Educación e Normalización, botamos a andar a I edición de LIX Rianxo, a semana da Literatura Infantil e Xuvenil.

Temos a lusofonía como cultura convidada para celebrarmos a lingua que nos une e a revolución como eixo temático co convencemento de que cos libros e a lectura podemos cambiar o mundo e facelo máis xusto, máis libre.

Defendemos a lectura como alicerce fundamental do noso desenvolvemento, desde a infancia, porque nos axuda a coñecernos, a relacionarnos, a imaxinar, a sentir e a crear.

Do 13 ao 20 de maio teremos unha ampla oferta de actividades culturais da máxima calidade para escolas e familias: teatro, música, contacontos, obradoiros de escrita, cine-fórums, banda deseñada, encontros lectores, roteiros, exposicións de ilustración e a mostras dos traballos literarios e plásticos das nosas escolas. O Auditorio e a Biblioteca serán un fervedoiro de creatividade e ledicia arredor das nosas letras. Esta festa literaria é por vós e para vós, crianzas, mocidade e familias, mais tamén para docentes, escolas e bibliotecas, que traballades día a día por espallar o amor polos libros e pola lingua.

Convidámosvos a todos e todas a gozar de LIX Rianxo.

Boa semana e boas Lecturas!